Nada baixo o nome de Howard Allen O'Brien, dende pequena cambiou o seu nome a "Anne". Casou co defunto poeta e pintor Stan Rice en 1961, con quen tivo dous fillos, Michele en 1966 e que morreu de leucemia aos 5 anos de idade e o famoso escritor gai Christopher Rice (nado en 1978).
Dende pequena estivo interesada por temas de vampiros e bruxas. Na súa carreira coma escritora, tamén publicou cos pseudónimos Anne Rampling e A.N. Roquelaure, este último nos seus primeiros anos e para temas máis orientados a adultos. Os seus libros escritos baixo estes pseudónimos conteñen constantemente mesturas do horroroso co luxurioso, destacándose nas súas historias de ficción os sentimentos homoeróticos que senten os seus personaxes.
O seu primeiro libro, Interview With The Vampire escribiuno en 1973 e publicouse en 1976. No ano 1994Neil Jordan realizou unha película baseada no libro e protagonizada por Tom Cruise e Brad Pitt e anos máis tarde realizouse outra película sobre o terceiro libro da serie The Vampire Chronicles, chamada Queen Of The Damned. O segundo libro da saga, Lestat, The Vampire converteuse nun musical de Broadway.
En decembro de 1998 a Rice diagnosticóuselle diabetes mellitus cando entrou nun coma diabético. Desde que empezou a tratar a súa condición con insulina, Rice foi unha activista para que a xente faga exames para diagnosticar a diabetes.
O 30 de xaneiro de 2004, Anne Rice anunciou que deixaría Nova Orleáns para mudarse ao suburbio de Jefferson Parish, Luisiana. Viviu soa desde a morte do seu esposo e a mudanza do seu fillo a outro estado.
Nos seus últimos anos a popularidade de Anne Rice decreceu bastante, en parte polas malas acollidas da crítica literaria ás súas últimas obras. As obras finais, como Blood and Gold, a biografía dun dos seus personaxes máis queridos por ela e polos lectores, Marius, non tivo éxito de vendas, en parte debido á reciclaxe intelectual que a propia autora fixo dos seus libros.
Con este feito, finalizou a saga de The Vampire Chronicles e a de As bruxas de Mayfair sendo o último libro da serie Blood Canticle.